Estes son os resultados de distintos controis que a Consellería do Mar está a intensificar nos días previos á veda do polbo, que comeza o vindeiro venres 19 de maio.
A ría de Vigo foi escenario de diversas operacións contra o furtivismo. Alí os axentes requisaron 210 nasas de polbo e 90 cacharros, 200 metros de artes de enmalle e case 68 quilos de especies, case todo polbo. O control máis destacado foi en Oia, onde se comisaron 92 nasas, 90 cacharros de polbo sen identificar e 39 quilos deste cefalópodo.
Na ría de Pontevedra tamén se realizaron distintas actuacións nas que os gardacostas se aprenderon de 50 quilos de distintas especies, de 149 útiles e de 1.250 metros de aparellos de enmalle. A actuación máis relevante realizada nesta ría foi nas zonas de Punta Festiñanzo, Punta Montegordo e Picamillo, onde requisaron 149 nasas para polbo sen identificar, 16 quilos deste cefalópodo, tres de nécora e catro de peixe variado.
Na ría de Arousa os axentes tamén fixeron varios controis que se saldaron co comiso de máis de 42 quilos de distintas especies de peixe e marisco e coa incautación de dous aparellos de pesca. Unha das actuacións realizouse en Ribeira e nela comisaron case 13 quilos de polbo de talla antirregulamentaria e case catro de percebe.