Ao mesmo tempo, a central reclama que se retome de xeito inmediato a actividade en Barreras, coa volta dos empregados e das compañías auxiliares. Con esta protesta demándase a implicación da Xunta na adquisición de Vulcano e para que Barreras volva ter carácter público, como o tivo antes de da súa privatización coa venda por parte do Goberno de José María Aznar.
Dende a CIG lembran que o naval é un sector estratéxico para Galicia e fundamental para a comarca de Vigo, polo que o Goberno autonómico ten que achegar as axudas públicas necesarias para a súa vertebración, co obxectivo de garantir a súa supervivencia e de frear “o actual proceso de precarización laboral e de emigración de man de obra cualificada, imprescindíbel para un sector competitivo”. A maiores, solicitan a convocatoria da Mesa do Naval, que onde están representadas todas as partes (estaleiros, auxiliares, centrais sindicais e administración).
Ao mesmo tempo, consideran que se deben garantir o cobro dos traballos realizados durante o período de preconcurso en Barreras. “Obviamente, non se poderá contar coas empresas e cos empresarios responsábeis da actual situación”, aclaran.
Precisamente para facer públicas estas propostas para o naval e continuar a reclamar a implicación da Xunta na grave crise que atravesa o sector, desenvolverán unha nova protesta, nesta ocasión diante das instalacións de Barreras, o vindeiro xoves 24 ás 14:00 horas. De igual xeito, farano na manifestación convocada para o mércores 30 na cidade baixo o lema ‘SOS Vigo: polo futuro industrial da comarca, emprego digno e servizos públicos’.
Propostas
Tanto este venres como nas próximas mobilizacións repartiuse un panfleto no que se detallan as propostas concretas para Barreras, entre as que tamén se atopa a creación dunha comisión para afrontar a crise do estaleiro, así como a posta en marcha por parte do Goberno central das medidas necesarias para a reposición das prestacións por desemprego durante o período no que os traballadores estiveron sen actividade, “garantindo o mantemento dos cadros de persoal por parte das empresas auxiliares, xa que os traballadores son os verdadeiros damnificados desta situación xunto coas súas familias”.
Finalmente, ínstase a que os fondos de garantía de depósito feitos polos accionistas de Barreras para a construción dos buques non lles sexan devoltos no caso de que se venda o estaleiro e se empreguen para o pagamento das débedas que o propio estaleiro ten coas empresas auxiliares, exceptuando os que puidesen estar vinculadas coa dirección do estaleiro, e demándase a depuración de responsabilidades empresariais e penais á anterior dirección pola súa xestión deficiente e por colocar o estaleiro na situación de quebra actual.