A pobreza e a desigualdade son cada vez máis extremas e por iso é urxente cambiar este sistema que xera riqueza para o 1% da poboación e un empobrecemento xeneralizado para o resto.
Coñecemos o problema e tamén sabemos que existen solucións reais e factibles, e nesta xornada queremos darllas a coñecer ás persoas que se acheguen ao mercado de O Calvario. Os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) conforman a a nova axenda de loita contra a pobreza global aprobada polas Nacións Unidas para o período 2016-2030.
Estes obxectivos, que por vez primeira implican a todos os países (do Norte e do Sur) e a todos os actores (gobernos, sector privado e sociedade civil) serán o fío condutor das actividades programadas para este domingo, que teñen como fin sensibilizar e comprometer á nosa sociedade na construción dun mundo máis xusto, esixindo políticas cuxo centro sexa a xustiza social e ambiental.
Os obxectivos desta xornada centrámolos en tres grandes bloques: persoas, planeta e prosperidade, aos cales nos achegaremos con diversas actividades que desenvolverán as organizacións participantes (Oxfam Intermón, Entreculturas, Proclade, Solidariedade Internacional, Cáritas, Alborada, Fundación Juan Soñador, Parroquia Cristo da Vitoria, Comité Óscar Romero, Fiare ou Amigos da Terra).
Ademais haberá outras actividades como contacontos, un desfile de moda de comercio xusto, degustación de chocolates ou un concerto a cargo do grupo Tardis. Ao final da xornada farase a lectura dun manifesto.