Abel Caballero informou este mércores que desde o xoves 4 de febreiro, entrarán en vigor os novos percorridos das liñas nocturnas N1 e N2 de Vitrasa, co obxectivo de mellorar a atención en Coia e en Navia. «Detectamos que unha parte moi importante da demanda está en Navia», asegurou o alcalde sobre este servizo.
A liña N1 experimentará un lixeiro cambio ao evitar chegar ata a zona deportiva de Samil e subir directamente pola Avenida de Europa desde a rotonda principal da praia viguesa. A N2, pola súa banda, pasará a tomar a VG-20 desde a Avenida de Europa para entrar en Navia por Limpiño, en lugar de continuar ata Samil, como facía ata o de agora. En dirección centro de Vigo, a segunda das liñas nocturnas partirá de Teixugueiras, continuará por Limpiño e a VG-20 para entrar logo en Coia, a través das rúas Porriño, Baiona e Redondela, onde sairá á Avenida Castelao e continuará pola ruta habitual.