Na sesión plenaria, a concelleira de Urbanismo, María Xosé Caride, explicou que esta ferramenta fai posible que os titulares de 48.000 parcelas definidas no PXOM de 2008 -anulado polos xulgados- como solo urbano consolidado recuperen a súa posibilidade de pedir unha licenza; son 23 millóns de metros cadrados afectados, case que o 40% do solo do termo municipal vigués.
O documento presentado polo goberno de Vigo tivo un «alto grado de consenso», en verbas de Caride, pois as alegacións non chegaron ao 1% dos notificados e destas, varias eran para solicitar a incorporación de parcelas á Ordenación Provisional. A concelleira e tenente de alcalde subliñou que o Concello conseguiu que todo aquel que puidera solicitar a licenza ao amparo do anulado PXOM 2008 poida solicitala novamente.
A Ordenación Provisional compleméntase con outras liñas de actuación que promove o goberno de Vigo no urbanismo da cidade. Así, e co obxectivo de minimizar as consecuencias da anulación xudicial do PXOM de 2008, María Xosé Caride explicou que o Concello válese da chamada «lei Vigo» (para PSA, a ampliación do IFEVI ou a estación de Thom Mayne), de proxectos sectoriais (como na ampliación do PTL) e de modificacións puntuais do PXOM en vigor (é o caso da Panificadora ou do barrio do Cura). Ademais, o goberno de Vigo traballa na redacción dun novo Plan Xeral e presentará este mesmo 2019 o documento de borrador e o documento inicial estratéxico.
Debate
A Ordenación Provisional foi aprobada co apoio dos grupos socialista e popular, mentres que o concelleiro do BNG e os dous edís de Marea votaron en contra. Xabier Pérez, polo Bloque, valorou a ordenación provisional como unha «trampa» que xera «inseguridade xurídica» e pediu un novo Plan Xeral acordado. Rubén Pérez, voceiro de Marea, afirmou que o instrumento non resolve o problema do urbanismo vigués, pediu crear unha comisión de planeamento para o novo Plan e augurou procesos xudiciais contra a Ordenación Provisional.
O voceiro do PP, Alfonso Marnotes, indicou que o documento aprobado aporta seguridade xurídica e definiuno como un «paso importante» e «bo» para a cidade. Asegurou que responde a que a Xunta de Galicia lexislou ao efecto e lamentou que hoxe se retome unha ordenación aprobada polo Pleno hai trece anos.
O voceiro do grupo socialista, Carlos Font, valorou o de hoxe como un día «agardado pola cidade», defendeu que o goberno de Vigo está «para dar solucións» e así o fai cunha Ordenación Provisional que recupera edificabilidade tanto para particulares como para empresas.
Font lamentou que o BNG «obstaculice» esta ferramenta cando o Plan de 2008 -do que se recupera a ordenación no solo consolidado- está «identificado» precisamente co Bloque. Sobre o Partido Popular, denunciou que a Xunta de Galicia parou a coñecida como vía Parejo para salvar as consecuencias da anulación do PXOM e atrasou un ano o abono da parte económica que lle corresponde para financiar a redacción do novo PXOM.