Abel Caballero informou este martes dos acordos alcanzados nas últimas horas tras unha «reunión importante» celebrada en Madrid para «desbloquear» definitivamente a estación de Thom Mayne. No encontro tratáronse os custos estimados das obras vinculadas aos accesos á estación, o túnel da rúa Lepanto e a conexión da infraestrutura coa AP9, uns proxectos que se sitúan entorno aos 10 millóns de euros.
Sobre o túnel de Lepanto, que conectará a cidade coa nova terminal de autobuses, Caballero considérao «unha gran solución a unha barbaridade e disparate que nunca se debeu cometer» en Vigo». Explicou que ten 350 metros de longo, dos que o Concello pagará o tramo urbano ao 50%, que se corresponde cos 190 primeiros metros, cun importe estimado das obras de 1.200.000 euros.
Ademais, o Concello acometerá a demolición do paso elevado de Alfonso XIII, algo no que o rexedor ten «moito interese porque así asegúrome de que se fai e faremos unha grande festa ao tiralo». Sobre o custo desa obra dixo que era «moi menor» e que, en canto o túnel esta en funcionamento, «ao día seguinte tirámolo».
O prazo de execución de todas as obras previstas para desenvolver o proxecto da Estación de Thom Mayne é de 24 meses pero cómpre ter en conta que queda por diante a tramitación e a aprobación do proxecto que se realizará ao abeiro da Lei 3/2016.
O alcalde de Vigo sinalou que a cooperación do Concello no proxecto foi «substancial, central e definitiva», xa que mantivo «toda a cooperación», incluído o financiamento» e recoñeceu o comportamento de ADIF, algo que destacará nunha carta que anunciou que enviará ao Ministro de Fomento.