O equipamento, que custou 380.000 euros e foi fabricado en Alemaña cun deseño específico para as necesidades da cidade olívica, servirá para limpar durante todo o ano sumidoiros e desaugues, especialmente nas zonas máis afectadas pola caída das follas en determinadas épocas do ano.
Un dos puntos claves desta tecnoloxía adquirida por Aqualia é o sistema de reutilización da auga que incorpora o propio equipo, mediante o cal parte do líquido que circula polas tubaxes da rede soterrada sepárase dos lodos e vólvese a empregar para a limpeza das tubaxes, reducindo o consumo de auga potable. Este aforro é superior a 10.000 metros cúbicos ao ano, o equivalente a cinco piscinas olímpicas, fronte ao traballo con equipos convencionais.
Ademais, con este camión evítanse os frecuentes desprazamentos ata os puntos de toma de auga. Isto supón, por unha banda, un maior rendemento do equipo e un menor consumo de combustible que pode alcanzar unha redución de 15.000 litros anuais coas súas correspondentes emisións contaminantes. Tamén se evitan as molestias de tráfico, xa que o vehículo está menos tempo circulando pola vía pública.
Igualmente, o camión está deseñado con outros detalles técnicos enfocados a optimizar a seguridade das operacións, xa quelevado grao de automatización dos diferentes procesos, permite aos operarios realizar o traballo en condicións óptimas de seguridade e eficacia.