«Non son atascos menores, son superlativos, chegan aos túneles da Madroa, están ocultando a realidade á cidadanía e á opinión pública», sinalou o concelleiro David Regades durante a defensa da moción presentada polo grupo municipal socialista. O edil solicitou na súa proposta que o tanto Xunta como Goberno e empresa fixen as medidas a tomar nos momentos de risco de retención.
Desta forma, Regades tamén pediu que nos casos de problemas de tráfico procedan a levantar as barreiras da peaxe, ademais de conxelar os prezos das taxas, presentar un plan de obra e impulsar a nova autovía a Pontevedra.
Pola súa banda, o voceiro da Marea de Vigo, Rubén Pérez, valorou a moción e pediu responsabilidades, tanto ao PP como ao PSOE, pola concesión da autoestrada. «Esa é a orixe do mal, o sistema concesional, ao igual que pasou con hospital privado Álvaro Cunqueiro», sinalou. No caso do PP, o concelleiro Miguel Fidalgo explicou que o seu grupo decidiu non entrar «no fondo» da cuestión por entender que a proposta «non debería estar incluída na orde do día, é ilegal porque foi presentada un día despois da xunta de voceiros».
No caso da moción presentada polo PP sobre o mesmo tema foi aprobada cos votos do grupo popular e de Marea, mentres que o PSOE decidiu absterse ao non ser aceptada a súa emenda. A proposta defendida pola concelleira Elena Muñoz insta ao Ministerio de Fomento a abrir expediente a Autopistas del Atlántico e tomar medidas para obrigar á concesionaria a garantir a fluidez e a seguridade do tráfico.
Tamén solicita que a empresa realice as obras pendentes nun horario que minimice o impacto e a devolver as peaxes cobradas, ademais de levantar as barreiras «cando non se garante a fluidez propia dunha vía de alta capacidade».
Zona Franca
Ademais, o Pleno Municipal tamén aprobou con votos do PSOE e a Marea unha moción socialista na que rexeita a inclusión na Lei de Orzamentos do Estado para 2018 dunha disposición que obriga á Zona Franca de Vigo a aportar un elevado importe de euros para financiar outras zonas francas do Estado.
Jaime Aneiros defendeu que «a solidariedade no debe implicar o baleirado de recursos propios e non debería superar o 4% do recurso financeiro que se percibe por parte do Consorcio». A proposta insta ao Goberno de España e ao Ministerio de Facenda a que rectifique a fórmula de cálculo establecido na Lei de Orzamentos e manteña o importe do recurso financeiro asignado á Zona Franca de Vigo de xeito que se destine a inversións que mellore o tecido produtivo, económico e social de Vigo, así como as infraestruturas necesarias para o desenvolvemento da nosa Área.
Rubén Pérez sinalou que «estamos ante un novo pelotazo, abrindo un escenario para un uso discutible de fondos públicos» e defendeu que «cada Zona Franca ten que ter unha unidade de acción independente». No caso do PP, o concelleiro Miguel Fidalgo tampouco defendeu a postura do PP e sinalou que a moción fora presentada con posterioridade á Xunta de Voceiros.