Segundo informou este venres Abel Caballero, a aprobación das bases e da convocatoria da edición 2016 deste programa é o primeiro paso para a concesión das axudas, pois antes de poder abrir o prazo de solicitudes, deben publicarse no BOP para pasar despois ao Ministerio de Asuntos Sociais para a súa validación. Unha vez recibido o visto bo estatal, volverán ao BOP e só entón o goberno de Vigo poderá abrir o prazo de solicitude das axudas.
Trátase da «acción contundente da cidade contra os desafiuzamentos, contra a pobreza enerxética e para que todas as familias teñan recursos para a súa alimentación»
A administración que dirixe Caballero reserva 1.610.000 euros para sufragar o coñecido como «cheque social» para pagos de vivenda, enerxía e alimentos, e incorpora como novidade este ano un novo fondo de emerxencia contra os desafiuzamentos dotado de 802.000 euros máis. «En total, nas dúas partidas, 2,4 millóns de euros. Esto é o que adicamos a medidas estables e de choque contra os desafiuzamentos para que ninguén en Vigo sexa desafiuzado», certificou o rexedor.
Segundo o procedemento estipulado, aos solicitantes que cumpran cos requisitos socioeconómicos establecidos nas bases se lles asignará unha puntuación en función da súa situación persoal ou da unidade de conviencia. O orzamento total do programa dividirase entre o total de puntos obtidos polos beneficiarios para coñecer o valor económico de cada punto e asignar así a cantidade correspondente á súa puntuación.
«Ninguén en Vigo vai ser desafiuzado nin vai quedarse sen enerxía eléctrica, sen gas e sen agua, nin vai quedarse sen alimentos mentres nós gobernemos en Vigo. Este é un compromiso que estamos cumpindo desde que son alcalde», aseverou Abel Caballero, quen planteou que outros concellos incorporen este tipo de medidas, ante a «pasividade» da Xunta de Galicia -competente na materia- e doutros alcaldes «que miran para outro lado».