Vigo dedicará unha rúa a Vanessa Lage, a axente falecida nun atraco a unha entidade bancaria o pasado mes de novembro. Abel Caballero fixo este anuncio logo de manter un encontro co sindicato Unión Federal de Policía (UFP) da Comisaría de Vigo quen lle trasladou esta petición. Caballero aceptou a proposta de homenaxear a unha muller «que defendeu a cidade coa súa vida» e fixo estensivo este recoñecemento «a todos eses membros das distintas forzas de seguridade do Estado que a diario cooperan coa nosa seguridade». A intención do goberno local, dixo, é que o próximo 28 de novembro unha placa lembre a esta axente nunha rúa da cidade, aínda por decidir.