O alcalde de Vigo, Abel Caballero, comunicou este sábado que foi informado pola ministra de Facenda, María Jesús Montero, da próxima implantación en Vigo da Administración de asistencia Dixital Integral (ADI), unha plataforma dirixida a prestar servizos de información e asistencia á cidadanía a través de medios electrónicos. A Axencia Estatal de Administración Tributaria pretende a potenciación dos servizos de información e asistencia prestados aos contribuíntes, priorizando o uso das novas tecnoloxías fronte aos medios tradicionais de asistencia presencial.
A primeira sede destas características estableceuse en Valencia e a segunda empezará a funcionar proximamente en Vigo. Esta unidade administrativa contará con 92 traballadores públicos (2 inspectores; 44 técnicos adicados a funcións tributarias de información e asistencia; 1 técnico dedicado a tarefas de persoal e recursos humanos; 1 técnico dedicado a labores de informática; 40 axentes da facenda pública; 4 administrativos (persoal de apoio de labores de recursos humanos e informática).
A posta en marcha definitiva da ADI require dispoñer dun local axeitado para o desenvolvemento do traballo, con dotación de medios materiais, que replicarán os xa establecidos por traballador na unidade de Valencia. Tras a incorporación do persoal en outubro e a formación precisa, a unidade administrativa de Vigo podería estar informando e asistindo aos contribuíntes desde no mes de novembro. Segundo está programado, a ADI de Vigo prestará asistencia en todas as materias previstas para estas unidades: censais, IVA e IRPF -integrando os servizos correspondentes ás áreas de xestión tributaria, inspección de financeira e tributaria, ademais de aduanas e impostos especiais-.
Abel Caballero trasladoulle á ministra o seu agradecemento por elixir Vigo para implantar un servizo que reforzará a presencia da administración, suporá un valor engadido e un recoñecemento a unha cidade cunha gran carencia histórica neste eido. Nestes momentos, ademais de apuntalar outros piares económicos como a industria ou o turismo, esta implantación reforza o sector da administración pública.