Esta carreira pola lingua na que participa o alumnado de todos os ciclos educativos de Galicia comezou o luns 2 de maio en Cangas e rematará en Pontevedra o 16 de maio. Durante ese tempo, pasará doce localidades desenvolvéndose baixo o lema ‘O galego é a fórmula’.
O Correlingua iníciase no primeiro trimestre do curso coa publicación do lema e as inscricións nos diferentes concursos. O alumnado elabora as súas propostas para concurso do manifesto, de banda deseñada, de vídeo, e mesmo do Cantalingua, no segundo trimestre.
A participación nestes certames permítelle ao alumnado reflexionar sobre a situación do noso idioma e crear os seus propios argumentos para defender o seu uso. Finalmente, no terceiro trimestre e no mes de maio, celébranse as carreiras pola lingua que percorren toda Galicia.
Como todos os anos, a iniciativa contará como condutora cunha persoa de relevo na cultura galega e que, no seu día a día, defende a nosa lingua, como é o caso de Isabel Risco. Ademais, en Vigo darán a saída á marcha na Praza do Rei o alcalde de Vigo, Abel Caballero, e a concelleira de Normalización Lingüística, Uxía Blanco.