Entre as actividades que inclúe esta iniciativa destaca o «Día sen coche», que se celebrará o sábado 22 de setembro. Para fomentalo, as liñas C1 e o bus turístico (baixo reserva telefónica) serán gratuítos. No caso do bus turístico, as rutas partirán da parada de bus do C.C. A Laxe ás 10:00, ás 12:00, ás 16:30 e ás 18:30 horas. Para poder acceder a este servizo, os usuarios interesados terán que facer a súa reserva no teléfono 986207474, de 9:00 a 14:00 horas dende o 17 ao 20 de setembro podéndose reservar praza para un máximo de 8 persoas por chamada, achegando número de DNI e teléfono de contacto.
Ese día Vitrasa tamén sacará á rúa o seu Bus Histórico “O Cometa”, símbolo da compañía pertencente á primeira frota que se presentou en Vigo no ano 1968. O obxectivo é que as viguesas e vigueses poidan coñecer un pouco máis da historia da compañía, conmemorando deste xeito o 50 aniversario da empresa.
O Bus Histórico arrancará do Paseo de Alfonso ás 10.00 horas con saídas cada 30 minutos ata as 14.00 horas e dende as 16.30 ás 20.00 horas (derradeira saída). Os usuarios poderán acceder ao bus en todas as paradas do seguinte percorrido: Porta do Sol, Policarpo Sanz, García Barbón, Isaac Peral e volta por G. Barbón, Porta do Sol e Paseo de Alfonso. A capacidade máxima durante o percorrido será de 20 persoas. Vitrasa destaca que o proceso de restauración do ´Cometa´ realizouse durante meses tratando de conservar o modelo orixinario de 1968 co obxectivo de achegar aos cidadáns parte da súa historia.
Máis actividades
Ademais, o Concello, en colaboracion coa asociación A Golpe de Pedal, organiza diversas actividades. O mércores 19 haberá na Porta do Sol unha proba de vehículos eléctricos, bicicletas e coches, que se poñerán a disposición dos cidadáns. Será de 16.00 a 20.00 horas.
O xoves 20 terá lugar «Ao cole en bicicleta», un curso de mobilidade en bicicleta pola cidade cos alumnos do colexio Maristas.
O venres 21 tratarase de que os cidadáns se poñan na pel das persoas que utilizan cadeira de rodas e as súas dificultades de mobilidade. Para iso, facilitaranse cadeiras de rodas aos participantes para que poidan experimentar as dificultades de mobilidade das persoas con discapacidade. A cita, de 16.00 a 20.00 horas na Porta do sol.
Por último, os taxistas e a revista «Yo taxi» organizan unha exposicion de vehiculos eficientes en Porta do Sol os días 20 e 21.