O alcalde anunciou este luns o adianto do pleno ordinario do mes de xullo, que será o día 18, no que se someterá a votación a aprobación inicial da ordenación provisional urbanística, un «trámite da maior importancia» porque permitirá recuperar de golpe un terzo da edificabilidade que recollía o plan de 2008. «Entramos nunha nova etapa na que se vai estar operativa toda a edificabilidade que pode desenvolver esta cidade nos próximos dez anos».
Unha vez superada a aprobación inicial -con todos os informes favorables-, se notificará aos 50.000 titulares catastrais que se verán afectados porque xa poderán edificar nas súas propiedades. A partir de aí, o documento será enviado á Xunta e posteriormente chegará de novo ao Pleno municipal para a súa aprobación definitiva.
Tal e como explicou o rexedor, ao mesmo tempo e con este mesmo procedemento, o Concello está a tramitar ámbito de Recaré para ordenar solo terciario e os ámbitos de Samil con centos de aparcamentos. «Estamos a poñer en marcha un desenvolvemento urbanístico que ordena a cidade para os próximos 40 anos», dixo. Tamén se referiu ao desbloqueo do desenvolvemento do Barrio do Cura e o «novo impulso que vai recibir a transformación da Panificadora co cambio de delegado na Zona Franca».