O Goberno provincial quere ligar esta actividade aos eixos relacionados co desenvolvemento sustentable e a aposta pola transición ecolóxica. “Trátase dunha oportunidade para reflexionar sobre o noso futuro urbano común e construír cidades máis sostibles”, defende a presidenta da Deputación, Carmela Silva.
A celebración adiantarase ao día 30, porque o 31 é o Día do Ensino e “queremos que participen os centros educativos na iniciativa, xa que cremos que a educación é a ferramenta con maior capacidade de transformar o pensamento”. Deste xeito, a ruta (na que participará alumnado e profesorado, pero tamén aberta á cidadanía en xeral), terá lugar ás 12.00 horas e nela “imos camiñar por Vigo, coñecendo os lugares máis representativos da cidade, acompañadas e acompañadas dunha ou dun guía que dará a coñecer a nosa historia e a evolución que experimentou”.
Así, o percorrido comezará na confluencia de Urzaiz e Príncipe, e percorrerá a rúa peonil, a Porta do Sol, a Praza da Princesa, a Praza da Constitución, a Rúa dos Cesteiros, a Praza de Almeida, a Praza da Pedra, a Rúa Real e a Praza da Igrexa.
Máis da metade da poboación mundial vive en cidades e agárdase que esta cifra aumente ata o 68% para 2050. Por iso, segundo a Nova Axenda Urbana de Nacións Unidas, “hai que pensar moito, debater e traballar para deseñar unha urbanización sustentable, cousa que nesta provincia xa é moi coñecida e recoñecida xa que temos moitas cidades, vilas e pobos que están a apostar para converter as súas contornas en espazos máis amables”.
Silva tamén lembrou que a urbanización “pode traer varios desafíos de sustentabilidade relacionados coa vivenda, o medio ambiente, o cambio climático, as infraestruturas, os servizos básicos, a seguridade alimentaria, a saúde, a educación, o traballo decente, a seguridade e os recursos naturais. Pero tamén pode ser esencial para o desenvolvemento sustentable».