Alumno do programa de simultaneidade de Administración e Dirección de Empresas-Dereito, Ruiz Solís chegou a Estados Unidos cunha bolsa ISEP dun ano de duración e durante a súa estancia na East Carolina University (Greenville, North Carolina) esforzouse por acadar as máximas cualificacións posibles en todas as materias, ao tempo que tamén colaborou facendo prácticas preprofesionais co College of Business.
“Ademais inscribinme no Club de Rugby masculino, co que debutei o semestre pasado cunha vitoria e, a maiores, participei activamente en diferentes campañas a pro do medio ambiente como membro do Eco-Pirates Club”, apunta o estudante, quen admite sentirse tremendamente orgulloso e “moi privilexiado” de ser convidado a formar parte dunha sociedade de honra “tan recoñecida”.
O proceso de selección para entrar a formar parte da Omicron Delta Kappa require unha invitación previa e supón pasar por varias fases de entrevistas persoais e actividades en grupo co resto de posibles candidatos. “A sociedade recoñece e incentiva o elevado nivel de liderado e fomenta a colaboración entre os seus membros a través das diferentes fases que premia: bolsas, deportes, servizos, comunicación e artes”, apunta Ruiz Solís, ao tempo que explica que para formar parte desta sociedade hai que demostrar liderado nalgunha destas fases e “no meu caso, fíxeno practicamente nas cinco”.
Ademais de nesta sociedade de honra, este semestre o estudante foi tamén iniciado como irmá na Fraternidade Sigma Nu, con tamén gran peso no liderado entre os seus principais focos de atención. “Estas sociedades supoñen unha gran vantaxe á hora de establecer relacións de traballo e de demostrar que se posúen certas habilidades”, recalca o alumno, quen lembra que en 2017 recibiu, de forma conxunta con outros compañeiros e compañeiras, un dos premios IncuviEmprende polo proxecto Dibleo, networking community, unha rede social de emprendemento universitario.
“Formar parte deste proxecto de base tecnolóxica con gran peso das redes sociais axudoume moito tamén en todo este proceso”, recalca o alumno, quen, tras rematar o segundo semestre, volverá esta mesma semana a España. “Volvo moi contento porque son que eles denominan un straight-A Student e estou na Chancellor’s List, que é un recoñecemento aos mellores expedientes académicos”, recalcou.