Os colectivos beneficiados son os seguintes: Fundación Igualarte, Agrupación Deportiva Vigo, IES Santa Irene, IES de Teis, IES A Guía, CEIP Altamar, Federación Galega de Tenis, Federación Galega de Taekwoondo, Asociación Cidadá de Loita contra a Droga Alborada; Centro de Educación Especial Menela, Asociación San Francisco, Asociación Síndrome de Down e, por último, a Agrupación Deportiva Tamiar-APAMP.
Na Xunta de Goberno tamén se deu conta da sinatura de 67 convenios de colaboración con todos os centros educativos de infantil, primaria e secundaria para a xestión das bolsas de comedor. Este acordo subscríbese cada catro anos para facilitar a xestión das aproximadamente 5.000 achegas de comedor que cada ano outorga o Concello.
O importe desta partida é de 1,8 millóns, unha competencia autonómica que asume o Concello para paliar a ausencia da Xunta, que non asume a súa responsabilidade na cidade.
Muralla do Castro
Outro dos asuntos que se abordaron na Xunta de Goberno foi a aprobación do convenio de colaboración co Ministerio de Fomento para a recuperación e posta en valor da Muralla de O Castro.
O acordo suporá a recuperación das zonas deterioradas dos recintos defensivos, a mellora da accesibilidade ao tempo que se impulsará a integración da fortificación na paisaxe urbana, actuando sobre a masa vexetal existente e a iluminación do conxunto.