Coma informou López-Chaves en rolda de prensa, os pisos están ubicados nos números 10-12 (2 vivendas) e 45-47 (4 vivendas) de dita rúa e contarán con superficies que van dende os 55 aos 110 metros cadrados. Serán de 1, 2 e 3 dormitorios e as súas obras de rehabilitación “están moi avanzadas”. Segundo as estimacións previstas, estarán rematadas para os meses de primavera chegando o investimento dos traballos aos 940.000 euros.
Concretamente, as vivendas dos números 10-12 serán de 1 dormitorio cunha superficie útil de 56,79m2 cada unha ademais de ter rocho. O inmoble contará tamén cun patio exterior para a entrada de luz natural e terá un baixo comercial duns 37 m2 nun mesmo e unitario edificio. A actuación foi proxectada polos arquitectos Antonio Cominges Carvallo e Harald Binkele e a adxudicación da mesma se fixo por 270.000 euros.
Mentres, no que respecta ás vivendas dos números 45-47, as superficies oscilarán entre os 55 e os 110 metros cadrados. Así, haberá un dúplex de 3 dormitorios, 1 vivenda con dúas habitacións e, por último, 2 pisos con 1 dormitorio. Os traballos de rehabilitación permiten tamén un local comercial duns 63 m2 nun mesmo edificio que contou cun investimento de 670.000 euros. O proxecto, da arquitecta Eva María Castro Álvarez, tamén contempla a existencia dun xardín posterior para conseguir luminosidade ademais de respectar e protexer as lareiras de acordo coa normativa.
“Queremos converter a zona alta do Casco Vello nunha zona residencial”, considerou o delegado, matizando que o obxectivo a lograr coa vindeira fase de compravenda destas 6 novas vivendas é “fixar poboación”. Neste senso, lembrou que a día de hoxe xa residen nos inmobles rehabilitados polo CCVV máis de 150 persoas nas 99 vivendas recuperadas e entregadas aos seus adxudicatarios a través de 6 sorteos levados a cabo polo Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS).
Pasos a dar
O IGVS autorizará agora o inicio do procedemento de selección de adxudicatarios para proceder despois ao sorteo público e ante notario que, coma en ocasións anteriores, celebrarase na Delegación da Xunta en Vigo.
Deste xeito, as persoas que estean interesadas en participar neste procedemento deben estar inscritas –ou facelo a partires de agora- no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda da Xunta de Galicia, no apartado de Vivenda de Promoción Privada de Réxime Concertado, na casiña de compra. Para isto, a persoa interesada deberá cubrir o modelo de solicitude normalizado e xuntar os documentos que nel se indiquen. Poderá conseguir o impreso na páxina web do web do IGVS. Unha vez teña toda esta documentación, deberá presentala no rexistro da Xunta.
A partires de aquí, todos os inscritos deberán estar atentos aos anuncios públicos que determinen o inicio do procedemento de selección de adxudicatarios para optar a algunha destas vivendas. A apertura do procedemento será debidamente publicada co obxecto de que todas as persoas inscritas no Rexistro e que estean interesadas na adquisición dunha destas 6 vivendas dispoñibles poidan solicitar a súa inclusión no sorteo dentro do prazo máximo de 15 días hábiles dende o seguinte á publicación de dita apertura.
Novo local comercial na rúa Ferrería
O Consello de Administración celebrado hoxe tamén adxudicou o aluguer dun novo local comercial no número 5 da rúa Ferrería para comercio de produtos alimenticios ao por maior e detalle, lugar de encontro de novos clientes e punto físico de distribución de mercancías. A superficie útil do local é de 17,87 m2 e terá unha renda mensual duns 122 euros.
Este novo baixo comercial alugado ven a sumarse aos máis de 22 locais rehabilitados polo CCVV nos últimos anos e que xa contan con actividade empresarial na zona alta do casco histórico.