Tras manter un encontro este xoves con José Espartero, director de vendas de Ryanair para España e Portugal, no que valoraron a marcha da compañía no aeroporto de Vigo que o rexedor cualificou de «excepcional, dez sobre dez». Segundo explicou, a operatividade dos voos na maioría das liñas que opera Ryanair sitúase por enriba do 90 ou do 95 por cento, destacando especialmente a ruta a Barcelona que rexistra un «cento por cento de ocupación».
José Espartero transmitiulle a Caballero a «enorme satisfacción» da compañía coa aposta realizada por Vigo e «isto é o mellor que podía oír o alcalde», dixo Caballero, quen puxo en valor a plena ocupación do voo diario de Ryanair a Barcelona, tendo en conta que compite con outras dúas aeroliñas ofertando ese destino, o que indica, sinalou, a «enorme potencialidade da ruta, cuestión que sabiamos pero que había que operar de forma competitiva, que é o que fai Ryanair».
Con estes datos, o aeroporto vigués entra no «rango de operatividade absoluta» segundo o rexedor, que non descarta «rutas adicionais de ningunha compañía», adiantando que o Concello seguirá «falando con todas as compañías e explorando novas posibilidades».