A iniciativa tiña por obxectivo facer un chamamento á participación na manifestación convocada para o martes 17 de maio en Compostela con saída ás 12 da mañá dende a Alameda e baixo o lema “O idioma é a vida”, precisamente verso da autoría do poeta da Terra Cha.
A Plataforma logrou concentrar un nutrido número de persoas que recitaron os versos do autor homenaxeado e reivindicaron unha política activa en defensa do galego por parte da Xunta, que nin se arroga o papel de principal defensor da lingua nin combate a vulneración dos dereitos dos galegofalantes. O prolífico poeta chairego denunciou e satirizou a través dos seus verbos o desleixo da máxima institución executiva galega para coa nosa lingua e coa nosa cultura.
A celebración desta data tan importante coincide co fallo favorábel á Plataforma do recurso contencioso interposto contra a sanción da Subdelegación do Goberno por incidentes acontecidos durante a manifestación do 17 de maio de 2013. O fallo estimou integramente o recurso interposto por Queremos Galego e declarou a nulidade da sanción imposta por motivos políticos. A Subdelegación do Goberno pretende amordazar o movemento de defensa lingüística a través de sancións económicas e outros impedimentos que supoñen actos administrativos irregulares.
Un ano máis Queremos Galego convoca á sociedade galega a saír un á rúa para defender o galego como elemento de unión e para os máis elementais dereitos e liberdades, como a de expresión ou o dereito de manifestación, e para garantir a convivencia en condicións de igualdade dentro do pobo e nas relacións con outros pobos. Valores e principios todos eles compartidos por Manuel María.