Este traslado se enmarca na planificación prevista da reordenación sanitaria que se está levando a cabo na área viguesa, trala apertura no novo hospital público Álvaro Cunqueiro. Así, a partires do martes, o equipo de Oftalmoloxía do Cíes, composto por doce especialistas, atenderá aos pacientes na planta segunda das consultas externas do Meixoeiro, onde se integrarán co resto de oftalmólogos deste centro sanitario. En total, o servizo conta cun cadro de persoal de 25 oftalmólogos e 10 médicos residentes.
Con este movemento complétase a unificación deste servizo, baixo a coordinación do doutor Luis Cadarso. “A integración orgánica e funcional de todos os recursos, que ata agora estaban dispersos e fragmentados en varios centros, nunha única estrutura hospitalaria, vainos permitir un gran desenvolvemento da especialidade, xa que, ademais de incrementar a actividade cirúrxica, disporemos de maior capacidade para abordar novos procedementos e ofertar novas prestacións”, afirma este especialista.
De momento, o servizo continuará mantendo parte da actividade cirúrxica en dous quirófanos dispoñibles no Hospital Cíes, aínda que nos próximas semanas tamén se integrará esta actividade no Hospital Meixoeiro.
Incremento da actividade cirúrxica
A unificación da atención oftalmolóxica no hospital Meixoeiro vai permitir incrementar de xeito substancial a súa actividade cirúrxica, xa que os especialistas disporán de seis quirófanos diarios e unha nova sala de limpo (quirófano máis pequeno para cirurxía menor). Esta nova sala vai ser posta en funcionamento unha vez realizadas as obras de adaptación no bloque cirúrxico nese hospital.
O servizo de Oftalmoloxía do Chuvi realizou o pasado ano 7.863 intervencións cirúrxicas, das que 3.829 foron cataratas. Segundo explica Cadarso “ este ano superaremos as 8000 intervencións totais, das que aproximadamente a metade son cataratas, e a nosa previsión para o 2016 e acadar as 9000, preto dun millar de intervencións máis. Ademais, o 95 por cento se realizan de xeito ambulatorio, sen ingreso, o que da idea do nivel da calidade asistencial ofertada”.
No referido ás consultas externas, os especialistas atenderon o pasado ano 98.000 consultas.
Unidade de órbita
A integración dos recursos físicos e humanos oftalmolóxicos permitirán ampliar as prestacións deste servizo. Neste senso, vanse crear novas consultas especializadas, dedicadas a atención específica de determinadas patoloxías. A primeira será a Unidade de Órbita e Oculoplástica, que evitará a derivación de pacientes anuais a outras áreas sanitarias.
O servizo de Oftalmoloxía do Chuvi dispón dun equipamento tecnolóxico moi avanzado, que permite ofertar os tratamentos e procedementos máis innovadores. Cabe subliñar que é referente en técnicas pioneiras nos hospitais galegos, como a cirurxía de glaucoma non perforante ou os transplantes de córnea lamelares (transplante moi especializado no que soamente se implanta a parte concreta da córnea afectada por unha lesión, fronte ao transplante convencional no que se extrae e implanta a córnea completa, independentemente de cal sexa a área da mesma afectada).
Para concluír, Luis Cadarso afirma que con esta nova reordenación da atención atención oftalmolóxica na área de Vigo, “disporemos dunha especialidade de primeiro nivel, que posibilita ofertar novas prestacións e realizar técnicas e procedementos novidosos, o que nos sitúa na vangarda dos tratamentos oftalmolóxicos en España”.