Os traballadores do sector das autoescolas da provincia de Pontevedra acordaron por unanimidade en asemblea ir á folga o vindeiro 26 de febreiro entre as 10.00 e as 13.00 horas, ao tempo que se fará unha manifestación “rodada” polas rúas de Vigo para protestar pola “precarización” dos seus empregos.
Segundo informou a Centro Unitaria de Traballadores (CUT), as condicións laborais foron a peor progresivamente nos últimos anos “cando os empresarios decidiron ofertar á baixa as prácticas e os cursos de condución, poñendo horarios sen límite ao gusto do consumidor”. Ademais, sosteñen que non se cumpre o convenio colectivo “nin en xornada laboral, vacacións, protección da saúde…”
Nunha pasada reunión, segundo apunta o sindicato, ambas parte acordaron remitir as reivindicacións das persoas traballadoras do sector e dar un prazo para que a patronal lle fixera saber aos seus asociados o descontento xeral para logo manter unha nova xuntanza antes de final do ano pasado.
Con todo, denuncian que os empresarios decidiron, malia solicitarse dita convocatoria, “facer oídos xordos, polo que decidimos tomar o mando e a partir de agora seremos nós quen poñamos as condicións, convocando folga xeral na provincia de Pontevedra, como primeira pero non a única medida de presión de non escoitarse as demandas das persoas traballadoras do sector”.