Desde que se iniciou esta actividade hai xa doce anos, máis de 21.000 nenos de Vigo coñeceron o funcionamento do transporte público da cidade. Este ano estímase que serán máis de 40 os colexios que se acheguen ás instalacións, cun total de 70 visitas que sumarán preto de 1.700 rapaces.
As visitas, de hora e media de duración, divídense en dous horarios diferentes, comezando unha ás 9:15 horas e outra ás 11:30 horas. Un autobús da compañía recolle aos nenos nos seus centros escolares e trasládaos ata Vitrasa, onde a visita comeza cunha volta en bus pola explanada das instalacións.
En todo momento, os nenos están acompañados por persoal da compañía co fin de poder explicarlles de primeira man o funcionamento do transporte público.
Desde os talleres a oficina do SAE
Durante a visita, os escolares coñecen a gasolineira, onde os autobuses fan a reposición diaria e contabilízanse os datos da máquina billeteira. A continuación, os rapaces son guiados ata o tren de lavado.
Os escolares tamén coñecen o funcionamento da Pass Vigo, a tarxeta coa que se poderá acceder ao servizo de transporte público municipal, coas vantaxes da anterior tarxeta pero cunha maior rapidez, procedementos máis sinxelos para os trámites, facilidade de recarga e moito mais.
O seguinte punto do percorrido pasa pola zona do taller, onde os nenos poden ver como é a zona de pintura, os fosos ou os colectores para os refugallos xerados pola empresa. A continuación, coñecen a sala de recadación onde os condutores entregan a cantidade acumulada ao longo do día e noutra sala explícaselles o funcionamento do Sistema de Axuda á Explotación (SAE). Este sistema permite coñecer en tempo real a localización de calquera vehículo da flota de Vitrasa nas rúas da cidade de Vigo.
Finalmente, durante a última parte da visita os nenos poden observar a evolución dos autobuses da compañía e da propia cidade a través da colección de fotografías que a concesionaria posúe.