No CEIP Escultor Acuña de Vigo, referente na integración de alumnado con trastornos de hipoacusia dende o seu inicio en 1980, viña funcionando dende o curso 2012-13 un proxecto de integración e innovación consistente en integrar nas competencias clave, para toda a comunidade educativa, a lingua de signos como unha forma de aumentar as posibilidades comunicativas e de integración de todo o alumnado -parte del con problemas de audición-, sendo este o único centro educativo en toda Galicia no que se desenvolve este proxecto.
Este proxecto funcionou ata o curso 2016-17, estando aprobado no claustro como materia de libre configuración para os cursos de 4º e 6º a materia de lingua de signos, e que non se está a impartir ate o de agora, tal e como está a denunciar a ANPA do citado centro.
En maio de 2017 tivo lugar unha xunta da Dirección do Centro coa Xefatura Territorial da Consellaría de Educación, a resultas da cal comprometeuse a tramitar a aprobación da solicitude da persoa necesaria para a continuidade do proxecto.
Mais o certo é que, a día de hoxe, seguen sen ter nomeada esa persoa especialista, argumentando a Xefatura Territorial de Pontevedra que xa teñen profesorado suficiente de Audición e Linguaxe.
Así, o BNG lamentou “a insensibilidade amosada polo Goberno galego” ao negar este profesorado a un centro que “é referente dentro do ensino público galego en integración e atención a alumnado con necesidades especiais”.