O acordo supón un investimento de 10,7 millóns de euros que financiará ADIF nun 62%, o Concello nun 22% e nun 16% a Xunta de Galicia, que ademais custeará a estación de autobuses xa que é da súa competencia.
Ademais, ADIF financiará a redacción dos cinco proxectos que inclúe a obra: o túnel entre Lepanto e a Estación Autobuses, o tramo que discorre entre a Estación Autobuses e a AP-9, a obra desde a AP-9 ata a entrada ao Centro Vialia Thom Mayne, a demolición do viaduto de Alfonso XIII e o quinto proxecto correspondente ás instalacións e balizamentos.
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, amosou a súa «enorme satisfacción porque supón desbloquear un dos grandes proxectos da cidade» e manifestou o desexo do Concello de que os proxectos poidan aprobarse antes de que remate 2017 xa que «levamos no orzamento máis de 300.000 euros para pagar a parte correspondente das obras e queremos poder inicialas en 2018» para que se acometan en correlación coa construción da estación de Mayne.
Unha vez concluídas, o Concello será o titular e xestor do túnel de Lepanto que formará parte das vías urbanas da cidade. Corresponde tamén ao Goberno local a xestión de proxectos do total da obra por un importe de 4.300.000 euros.
O proxecto do centro de Thom Mayne e os novos accesos serán tramitados polo procedemento establecido na Lei 3/2016 que ten garantido o «apoio preceptivo e vinculante» do goberno municipal vigués, que xa o someteu a información pública xunto á relación de bens e dereitos afectados pola expropiación, que son uns 350 metros cadrados que serán entregados á Xunta de Galicia.