A Corporación municipal acordou na sesión plenaria deste luns instar ao alcalde e á concelleira de Urbanismo a que informen sobre as actuacións realizadas en relación á elaboración dun novo Plan Xeral de Ordenación Municipal de Vigo. A moción presentada polo grupo popular recibiu o apoio dos socialistas e a abstención de Marea de Vigo.
Durante o debate, a voceira do PP, Elena Muñoz, aludiu ao «extraordinario problema» que supón na cidade a ausencia dun Plan Xeral e lamentou descoñecer que estivo facendo o goberno municipal nos meses que seguiron á anulación do mesmo criticando o informe Parejo como «un atallo, que leva a un canellón sen saída».
Rubén Pérez, voceiro de Marea de Vigo, sinalou a necesidade de traballar nun novo plan con outro modelo de cidade xa que, ao seu entender, «a lei non permite recuperar o Plan do ano 2008» e aludiu á responsabilidade conxunta de Concello e Xunta na anulación do PXOM por parte do Tribunal Supremo.
Sobre o contido da moción, a concelleira de Urbanismo, María Xosé Caride, argumentou que no Consello da Xerencia de Urbanismo se dá «información puntual» cando se solicita e asegurou que hai un equipo de 15 persoas traballando na elaboración dun novo PXOM. Nestes momentos están realizando a tramitación medioambiental, seguindo a normativa da Lei do Solo do ano 2013, e criticou que a Xunta de Galicia estea atrasando a resposta ás peticións municipais en relación co novo documento.
Bus Express
Ademáis, na sesión plenaria o grupo socialista sacou adiante outra moción -desta volta co apoio de Marea e a abstención do PP- instando á Xunta de Galicia a asumir as súas competencias e acordar o financiamento do autobús express ao aeroporto de Vigo.
A concelleira de Transporte, Ángeles Marra, recordou que o goberno autonómico cambiou as condicións do borrador do convenio que xa tiña consensuado co Concello ao reclamar a incorporación deste bus ao transporte metropolitano e rebaixar o prezo do billete dos dous euros acordados a oitenta e seis céntimos. Esta modificación rompe o equilibrio económico do convenio, apuntou Marra, polo que esixiu da Xunta de Galicia que financie o déficit derivado deste cambio.
Apoiou a moción a Marea de Vigo. O seu voceiro, Rubén Pérez, manifestou que o bus ao aeroporto vai máis alá dunha liña do autobús urbano, co que lle compete á Xunta de Galicia o seu financiamento, e viu razoable o prezo de dous euros, tendo en conta que en Santiago custa tres. O Partido Popular de Vigo entende que o percorrido é integramente vigués polo que sería competencia do Concello e non da Xunta, e reclamou un billete a oitenta e seis céntimos.
Ángeles Marra pechou o debate explicando que o transporte aos aeroportos galegos é unha competencia exclusiva da Xunta de Galicia, ao prestar un servizo para cidadáns de múltiples municipios galegos. E engadiu que o Concello acepta integrar o bus express no transporte metropolitano sempre que sexa custeado pola propia Xunta de Galicia.
Sanidade
Os grupos municipais de PSOE e Marea tamén votaron a favor dunha moción sanitaria presentada polo partido de goberno, nesta ocasión coa oposición do PP, que reclama da Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia que «a poboación das áreas sanitarias de Pontevedra e do Salnés volvan ter como referencia para Cirurxía Cardíaca, Hemodinámica, Cirurxía Plástica, Cirurxía Torácica, Cirurxía Pediátrica e Fecundación In Vitro as unidades e servizos dispoñibles no Complexo Universitario de Vigo».
O texto, defendido polo concelleiro Cayetano Rodríguez Escudero, apunta que a Xunta de Galicia adscribiu aos cidadáns de Pontevedra e do Salnés á área sanitaria de Santiago para estes tratamentos, restando 300.000 persoas á poboación de referencia viguesa, «poboación necesaria para a eficiencia, consolidación e crecemento das devanditas unidades e servizos».
Mocións rexeitadas
Ademáis, foro rexeitadas as mocións referentes ao laboratorio municipal e as zonas verdes. No primeiro caso, o PP instaba ao «cese inmediato do desmantelamento» do laboratorio municipal para potencialo dentra da nova Área Metropolitana. Votaron a favor o PP e a Marea de Vigo, pero os votos socialitas impediron que saíse adiante a proposta.
Por outra banda, tamén os votos en contra do PSOE rexeitaron a moción do PP instando ao gobierno municipal a convocar un novo contrato que «reflicte as necesidades reais de conservación e mantemento das zonas verdes da cidade». A Marea de Vigo abstívose.