O alcalde de Vigo, Abel Caballero, achegouse este luns a Barreiro, en Lavadores, onde o goberno que preside ultima a nova pista de skateboard, BMX e Roller Vert Wall, por importe de 45.000 euros. O rexedor avanzou que a obra concluirá «de forma inmediata» pois está «practicamente acabada» e supón «a primeira das tres grandes actuacións que imos facer no ámbito do skate».
Xunto á de Barreiro, Abel Caballero estimou que «seguramente» esta mesma semana pasará pola Xunta de Goberno Local a licitación da construción da gran pista de skate de Navia, xunto ao parque, para o cal o Concello de Vigo reserva 300.000 euros.
A terceira será a remodelación da pista de skate do Castro. O goberno vigués fará unha nova pista onde se empraza a actual, unha actuación para a que é preciso o informe favorable de Patrimonio da Xunta de Galicia, ao tratarse o monte do Castro dun Ben de Interese Cultural. O Concello, explicou Caballero, xa achegou toda a documentación requirida ao goberno autonómico.
«Boas novas para o mundo do skate, do BMX e do Roller Vert Wall», concluíu o alcalde, quen recordou que o skate será deporte olímpico.