O alcalde avanzou que o luns pola noite empezaron a regresar os primeiros estudantes que este ano gozaron dunha estadía de inmersión lingüística en Inglaterra ou Irlanda e o resto do alumnado irá chegando de xeito escalonado. Este ano viaxaron 750 alumnos de 3º da ESO, aos que hai que sumar outras 92 bolsas concedidas ao alumnado da Escola Oficial de Idiomas, o que eleva a cifra a 842 achegas, máis das que outorgan as comunidades de Madrid e Cataluña xuntas. «Estou moi orgulloso deste programa», dixo o rexedor quen avanzou que o ano que vén o Concello vai manter polo menos as 750 bolsas outorgadas este ano a alumnos de 3º da ESO, apuntando que con esta cifra este ano obtiveron a súa praza todos os solicitantes que cumprían os requisitos.
Nestes momentos, a concelleira de Educación, Olga Alonso, e técnicos municipais están en Irlanda visitando centros educativos mantendo entrevistas con directores de institutos e coas familias de acollida para facer a valoración deste ano e comezar a organización da programación da próxima convocatoria.