O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou hoxe venres o inicio do procedemento para a instalación de cámaras de seguridade na rúa do Príncipe. O obxectivo, explicou, é «reforzar a seguridade» nunha vía que é segura, regularmente patrullado por axentes uniformados e de paisano, e non desbotou emprazar estes dispositivos noutros puntos da cidade onde se considere preciso.
Caballero recordou que o proceso de instalación é «lento». As videocámaras deben ser autorizadas previamente pola delegación do Goberno, previo informe dunha comisión presidida polo presidente do TSXG. Ademais, apuntou o primeiro edil, para o permiso se ten en conta cuestións como a protección dos edificios e instalacións públicas, e previr danos a persoas e bens.
A autorización ten carácter anual e debe renovarse cada ano, asegurou o alcalde vigués, quen estimou o orzamento da instalación das cámaras nuns 36.000 euros. As cámaras de vixilancia, reiterou Caballero, non impiden que poida existir algún acto de «vandalismo illado», como o que provocou a retirada da mostra Vigo Sorrí nas últimas datas, pero «nunca nos parecerá redundante reforzar a vixilancia e a seguridade», concluíu.