O Pleno do Concello aprobou este martes por unanimidade a moción presentada polo grupo Marea de Vigo instando á Corporación a asumir e garantir a subrogación dos cadros de persoal dos aparcadoiros da Porta do Sol e da Praza de Portugal, de maneira que conserven os dereitos e obrigas adquiridos durante os anos nos que levan traballando nestes servizos con independencia do tempo que se tarde nas novas adxudicacións.
Rubén Pérez expuxo a situación de «absoluta indefensión» na que se atopan as sete familias dos traballadores e traballadoras afectadas polo peche dos mencionados aparcamentos, especialmente no referido aos prazos para o dereito á subrogación que contempla o convenio colectivo aplicado aos empregados destes servizos que fixa a inclusión daqueles traballadores que estiveran en activo nos tres últimos meses do contrato.
A concelleira de Transportes Ángeles Marra defendeu o compromiso e responsabilidade do goberno municipal para garantir os postos de traballo respectando a «máxima legalidade no cumprimento do contrato público e do convenio colectivo do sector» e explicou in voce a emenda socialista que salvagarda a subrogación con independencia do tempo que transcorra entre a extinción da licitación e a nova adxudicación dos aparcamentos da Porta do Sol e da Praza de Portugal.