O alcalde comparte a necesidade de habilitar prazas para a xente maior en Vigo mais non o emprazamento na ETEA, polo que propón ao goberno autonómico a cesión gratuíta dunha parcela municipal en Teis e ofrece tres posibles localizacións: dúas próximas ao mercado de Teis e outra en Pedro Alvarado.
Caballero defende que a proposta municipal é mellor para os futuros usuarios, ao estar en pleno casco urbano de Teis, e ademais de realización máis rápida que a construción na ETEA. En calquera das parcelas próximas ao mercado sería preciso a aplicación da chamada ‘Lei Vigo’ para darlle saída urbanística e a de Pedro Alvarado pode ser executada simplemente coa presentación dun proxecto. Para a construción de residencias de maiores na cidade, o alcalde vigués ofreceu á Xunta de Galicia a cesión de tantas parcelas como sexan necesarias.
Segundo indicou, as alegacións da Universidade de Vigo van na mesma liña que o goberno local, pois reclaman establecer como uso principal do ámbito o dotacional educativo e eliminar os terciarios e asistenciais.