A Xunta de Goberno celebrada este xoves tamén adxudicou provisionalmente a xestión, organización e desenvolvemento do programa municipal de inmersión lingüística ‘Vigo en inglés’ á empresa New Link Education. Cun orzamento de 1.764.000 euros, este ano o Concello outorgará 750 achegas, as mesmas que o ano que vén. A esta cantidade hai que sumar outras cen bolsas anuais para a Escola de Idiomas o que eleva o orzamento a máis de dous millóns de euros.
O alcalde da cidade, Abel Caballero, deu conta da achega de 350.000 ao proxecto ‘Xantar na casa’, para dar de comer a persoas maiores e/ou dependentes -fundamentalmente mulleres -que non se valen por se mesmas.
Outro asunto que recibiu luz verde é o programa ‘Vigo Integra V’, dotado con 237.000 euros cos que se impartirá formación a 85 persoas. Os participantes recibirán formación en creación de empresas, alfabetización informática, panadería e pastelería, dinamizador de actividades de tempo libre, xestión de almacéns, manipulador de alimentos, impresión en 3D e piloto oficial de drons.
Urbanismo
Este xoves tamén se procedeu á apertura do trámite de consulta pública para a modificación da Ordenanza Reguladora de Edificación Forzosa e Rexistro Municipal de solares do Concello de Vigo. Deste xeito, o Concello poderá facerse coa xestión de parcelas cando os propietarios non as atendan ou non edifiquen, segundo o previsto.
Co inicio deste procedemento, establécese un prazo de 20 días para que a cidadanía, asociacións e organizacións fagan as súas suxestións. O obxectivo é evitar riscos de seguridade, así como o deterioro do ornato público e medioambiental.