En declaracións aos medios durante a visita, Abel Caballero explicou que a rúa Llorente estaba «desatendida, rota» e «leva así medio século, en mala situación», polo que o goberno de Vigo está a levar adiante «unha humanización nas condicións que corresponde».
Na súa primeira fase, explicou o alcalde, a humanización da rúa Llorente chegará ata a zona do Barrio do Cura, uns 150 metros de actuación. Caballero recordou que a veciñanza da rúa pedira cunha pancarta esta humanización, que «formaba parte da planificación» municipal.
A remodelación contempla a instalación de bancos, papeleiras, novos puntos de luz LED, arborado e xardineiras, xunto coa renovación das canalizacións soterradas, unha «parte moi importante» das humanizacións, en verbas de Caballero. A rúa conservará un carril único de circulación e habilitará unha nova zona peonil na rúa.