Segundo apuntou Abel Caballero, a tramitación do aparcamento viuse «moi atrasada» pola Xunta de Galicia que «non soamente non cooperou senón que puxo obstáculos de forma moi visible». Así, explicou que o Concello precisou varios informes previos á aprobación do proxecto como o solicitado ao SERGAS o 29 de xuño, que non obtivo resposta ata o 27 de xullo; o de Augas de Galicia, que foi enviado o 9 de xuño e chegou o 4 de outubro, catro meses despois e un permiso pedido ao Ministerio de Fomento o 26 de xullo que enviaron o 25 de outubro.
Namentres outras administracións «precisan catro meses para conceder un permiso ordinario», contrapuxo o rexedor, o Concello empregou sete días na aprobación do proxecto das obras e dará luz verde nos próximos días á licitación para seguir adiante co aparcamento de balde no Hospital.