«Diante do total abandono que practica a Xunta do Partido Popular en contra da principal cidade de Galiza, o BNG demandamos que se atendan as necesidades de Vigo con compromisos políticos que teñen que recollerse nos orzamentos da Xunta do próximo ano 2020», explicou o concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas. «A lea partidista entre Feijóo e Caballero non pode ser coartada para que se ignoren as necesidades dunha cidade na que vivimos e traballamos preto de 300 mil galegos e galegas», reprochou Igrexas quen exixiu do Goberno galego que exerza as súas competencias en Vigo. «O que é claro é que nesta confrontación estéril entre Concello e Xunta quen perde seguro é a cidade», remachou.
O parlamentario Luís Bará será o encargado de presentar a proposición. O nacionalista lamentou a «falla de visión e de planificación», demandando un «compromiso claro da Xunta con Vigo». «Entendemos que non se trata apenas de medidas orzamentarias, senón dun compromiso político, institucional e tamén de abrir un proceso de diálogo, de cooperación e de coordinación entre Concello e Xunta»», acrecentou.
Demandas
O ‘Plan Vigo 2020’ recolle medidas concretas en doce ámbitos de actuación. Entre elas salientan o reclamo de que se poña en marcha a Área Metropolitana, a incorporación da cidade no transporte metropolitano ou un Plan de Reindustrialización da comarca, para o que as nacionalistas piden a «intervención pública directa» que asegure o futuro de actividades «estratéxicas» como a construción naval e a automoción.
Tamén demandan obras concretas como a construción dun instituto en Navia, a recuperación do proxecto orixinal para o centro de saúde de Bouzas ou a ampliación das prazas públicas de escolas infantís, centros de día e residencias de maiores na cidade.
No capítulo de infraestruturas, o Bloque aposta por desenvolver todas as potencialidades da Plisan, dotar de conexión ferroviaria a terminal portuaria de Bouzas, ou desbloquear proxectos longamente demandados como o túnel de Xulián Estévez ou a prolongación do túnel do Berbés. Tamén reivindican a mellora da rede de abastecemento de auga, que se complete a rexeneración integral da Ría de Vigo ou que se brinde un apoio «decidido e real» ao Campus do Mar na ETEA.