Para a formación nacionalista, a aposta polo transporte urbano pasa por facelo accesible con prezos razoables, por redeseñar o mapa de liñas para alargar a conexión dos barrios e as parroquias, por un aumento das frecuencias (de como mínimo cada 15 minutos en horario laborable e cada 30 minutos no horario restante), por mellorar as liñas nocturnas e por ampliar o billete de transferencia (ata dous transbordos durante 60 minutos).
Ademais, o BNG avoga por fortalecer a conexión co hospital Álvaro Cunqueiro cunha nova liña directa desde Navia-Coia e aumentando as frecuencias das xa existentes, especialmente no caso da H3 que na actualidade “fai só dúas viaxes por día”.
O responsable local do Bloque, Serafín Otero, apunta que “o transporte urbano en Vigo precisa dun impulso decidido que adecúe o servizo que se presta coas demandas da cidadanía”. “A ausencia de melloras nos últimos anos, polo desinterese e inacción do Goberno municipal, ten provocado que en lugar de aumentar o número de persoas usuarias, este retroceda”, engadiu.