Abel Caballero amosou este xoves o seu rexeitamento á «desafortunada decisión» do Imserso de reducir o número de voos con saída dende o aeroporto de Vigo para as viaxes dos maiores. Esta temporada están previstos 38 cando en 2015 foron 100, segundo apuntou o rexedor, «francamente bos en nivel de ocupación» por iso lle pediu ao Instituto de Maiores e Servizos Sociais que «modifique esta decisión» que «dana» ás persoas.
Considera o alcalde olívico que «non se pode castigar a Vigo e todo o territorio sur da provincia de Pontevedra e Galicia nunha área de ata 800.000 persoas» que deben desprazarse ata Pontevedra polos seus propios medios e dende alí ata o aeroporto de Santiago en autobús para poder iniciar a súa viaxe. Lembrou que «Vigo existe, ten aeroporto e queremos que se use» rexeitando «totalmente» unha decisión que «ten perfís políticos claramente determinados».
Así, Caballero anunciou que enviará un escrito a todos os alcaldes e alcaldesas dos municipios que conforman a Área Metropolitana e da súa ampliación para poñer no seu coñecemento esta determinación do Imserso «absurda, ilóxica e na contra da área de Vigo».