Marea de Vigo esíxelle ao goberno de Abel Caballero «rigorosidade» á hora de falar de gasto social, xa que, «alén do uso electoralista, que resulta cando menos inaceptable, basearse ademais en datos falsos, é unha actitude que non debería ter un alcalde, por resultar ruín e totalmente enganosa cara á veciñanza» afirma Marga L. Barreiro.
Marea de Vigo insiste en que «en lugar de xogar cos datos de xeito interesado, o Goberno local de Abel Caballero debería observar os Servizos Sociais da cidade, así como a situación de saturación na que se atopa o persoal de Benestar Social (cuestións que ademais nin dependen exclusivamente da Xunta nin do gasto que se decida facer, tal e como amosan os datos doutras cidades). O que ten que facer o goberno local é aplicar políticas reais contra a pobreza e a exclusión social, adicando orzamento, introducindo medidas efectivas, escoitando aos colectivos sociais nas súas denuncias e por suposto, non mentindo e sendo rigoroso cando fala do gasto social» conclúe Marga L. Barreiro.