“Calquera modificación que propuxéramos para rebaixar os importes nas escalas de subministro de auga de uso doméstico ou non doméstico ou no saneamento para o 2019 chocaría coa realidade dunha ampliación de concesión a Aqualia”, denuncia o voceiro Rubén Pérez, que cualifica de “inxusto” o consumo mínimo bimensual de 30 metros cúbicos que impón o Concello de Vigo.
Igualmente, Marea de Vigo criticou a “práctica habitual” do goberno local de anunciar “conxelación” dos prezos e taxas públicas en ano pre-electoral. “En 2015, ano electoral, quedou especialmente demostrada esta práctica ao manterse conxeladas ese mesmo exercicio para incrementar as taxas en 2016 e 2017, e por enriba do IPC”, denuncia a formación.
Por outra banda, o grupo propón unha redución do tipo de gravame para os bens urbanos, rústicos e BICEs que volvería aos prezos aos niveis do 2013, unha taxa que grave sobre as vivendas baleiras desocupadas con carácter permanente no IBI do 50% (aproveitando a posibilidade que neste sentido recolle a Lei de Facendas Locais dende xaneiro de 2003) e un sistema de bonificación do 50% da cota para as vivendas (excepto das de nova construción) que instalaran sistemas para o aproveitamento térmico e eléctrico da enerxía solar para autoconsumo.
Na mesma liña, propón tamén, e de acordo coa nova ordenanza reguladora da edificación forzosa e rexistro municipal de soares, a penalización aos propietarios de soares urbanos consolidados que non cumpran co deber de edificar, con ata o dobre da cota do IBI, así como, a exención do pago do IBI para aquelas persoas que teñan débedas contraídas en bens inmobles afectados por desafiuzamentos ou sobre os que, por insolvencia sobrevinda, acorden unha dación en pago para evitar o desafiuzamento da súa vivenda habitual.
Imposto de circulación
Ademais, Marea de Vigo propón unha redución graduada nos coches baseada no aumento da progresividade do imposto para favorecer aos vehículos de menor potencia fiscal e unha bonificación do 75% aos vehículos da clase “turismo” ou “motocicleta” con antigüidade mínima de 25 anos.
Por último, avogan por un incremento do 100% na taxa por unidade e ano en tódalas categorías nos caixeiros automáticos situados na vía pública.