Segundo Pérez, a data de peche do terceiro trimestre deste ano 2018, a execución dos investimentos non chegaba ao 10%. Por iso, Marea reclama “outra práctica política” por parte do Goberno local do PSOE á hora de abordar a configuración dos orzamentos locais. “A existencia de maiorías electorais non significa un traslado de maiorías sociais e moito menos de consensos amplos se previamente non se traballa na cidade informando e deseñando as partidas orzamentarias co conxunto da sociedade e o tecido asociativo da nosa cidade”, engade.
Marea de Vigo afirma na súa emenda que “un concello que consigna case 18 millóns de euros para investimentos en obras públicas e apenas 90.000 euros en museos, 95.000 en patrimonio histórico, 32.500 en bibliotecas e arquivos, ou 440.000 en acción social, ten un problema serio de prioridades de gasto e dista moito de chamarse progresista”.
Ademais, na liña que veñen demandando, lembran que “en diversos concellos no conxunto do Estado xa se teñen articulado mecanismos participativos co obxectivo de implicar á cidadanía na toma de decisións sobre os orzamentos do seu propio concello, conforme ademais ao código de bo goberno da FEMP que preside o mesmo Abel Caballero, onde di claramente que nos concellos que forman parte da entidade se aplicarán os orzamentos participativos como ferramenta de mellora da participación da cidadanía”.
Para a Marea de Vigo, e tal e como o cualifican na emenda, o proxecto orzamentario presentado polo Goberno do PSOE “volve conter os mesmos vicios de proxectos orzamentarios anteriores”, xa que, segundo o voceiro do grupo municipal, “está formulado sobre un suposto factor expansivo no capítulo de gasto social” cando os datos do INE continúan a colocar a Vigo como a cidade galega con maior taxa de poboación en risco de pobreza.
“Semella que este proxecto orzamentario parece non ter analizado en que momento se atopa a cidade de Vigo. Por unha banda, no relacionado co emprego e na necesidade de darlle cobertura en canto a recursos públicos ás miles de familias en risco de exclusión social que diariamente abarrotan as dependencias municipais en busca de axudas sociais, e pola outra, con respecto ás necesidades dos barrios con respecto ás dotacións existentes e a previsión de futuras”.
Marea de Vigo tamén incide no relacionado á situación do Auditorio Mar de Vigo nos orzamentos para o 2019. Por unha banda, por non prever o impacto do pago da débeda e, por outra, pola consignación de 500.000 euros a un convenio para a promoción de actividade cultural no auditorio Mar de Vigo a unha empresa no seu día contratada pola UTE quebrada. “Ao non existir a UTE, non pode ser asignado deste xeito este montante, sen concorrencia e sen posibilidade de optar a participar a outras empresas do sector da xestión cultural”, engade Rubén Pérez.