O grupo municipal de Marea de Vigo advirte de que “hai un absoluto descoñecemento cidadán do que está pasando co urbanismo”. Segundo indicou o seu voceiro, Rubén Pérez, desde decembro de 2018 non teñen coñecemento dos traballos que se están a realizar e o único documento que recibiron ata o momento foi a metodoloxía e o primeiro diagnóstico socioeconómico, pero non tiveron a posibilidade de facer observacións “aínda que había cuestións de calado de tipo demográfico ou económico”. Por estes motivos o grupo municipal reclama que se volva constituír a Comisión Cidadá de Seguimento do Plan Xeral.
Rubén Pérez explica que esa figura xa existiu para a elaboración do plan de 2008 e os concellos en situación urbanística similar como Ourense ou Pontevedra, dispoñen dunha comisión cidadá de seguimento.
A comisión cidadá que funcionou durante os traballos de redacción do plan anterior estaba composta polo movemento veciñal, polo tecido económico da cidade, polos arquitectos, polos colexios profesional ou pola patronal. “É dicir, por todos os sectores da cidade que tiñan algún tipo de implicación no só no urbanismo senón no planeamento urbano”, destacou Pérez.
Rubén Pérez pediu que para setembro existan os mecanismos amplos participativos para facer un seguimento do plan xeral, “porque descoñecemos como se están levando adiante os traballos da nova cartografía do Concello de Vigo, que obriga a nova Lei do Solo, ou como vai ser a adaptación ao regulamento da Nova Lei do Solo, que partes do Plan Xeral se van rescatar e cales non”. O portavoz de Marea de Vigo lamentou esta situación, que cualificou de grave, “cando nos xogamos a dinamización da economía e a posibilidade tamén de abaratar ou impedir a suba brutal dos alugueiros da nosa cidade, que os grupos municipais non teñamos ningunha información”.