«Non resulta estraño que salten múltiples opinións, tanto de organismos institucionais como por parte da veciñanza da zona sobre a xestión do aparcadoiro da Porta do Sol, posto que o Concello non moveu un dedo para solucionar a situación creada. Neste senso, a Marea de Vigo non se move un ápice do xa exposto noutras ocasións, reiterando a posibilidade da remunicipalización deste aparcadoiro xunto co da Praza de Portugal a través dunha empresa pública e, cumprindo así o acordo plenario de decembro do 2015, subrogando ao persoal que perdeu os seus postos de traballo en setembro do ano pasado e dos que ninguén parece lembrarse», afirmou este xoves a Marea de Vigo nun comunicado.
No caso da non remunicipalización, de ser concesionado outra vez, a Marea de Vigo alerta que debe ser a través de concurso público, e non a través doutras fórmulas de xa «demostrado fracaso, onde documentalmente se deberá reflectir a realidade ao redor destes aparcadoiros, e porque non, o feito de estar suxeito a un acordo plenario tomado pola unanimidade dos 27 representantes da cidadanía viguesa no Concello».
O grupo municipal da Marea de Vigo engade que «como sospeitou desde un principio e cada día que pasa parece que toma máis forma, cree que toda esta manobra ten parte de intencionalidade, cando vemos que outros aparcadoiros, doutras empresas, privados, próximos, estanse a facer de ouro a costa do peche da Porta do Sol e Praza de Portugal, algo que, en teoría non debería de condicionar as actuacións dun goberno municipal».
«Agora nos atopamos con dous aparcadoiros pechados e converténdose nunha ruína onde si que vai ser xustificada unha gran obra polo estado no que están quedando as instalacións ao non ter uso, e un cadro de persoal insultado e vilipendiado por parte dun goberno municipal que parece que ten intención de conseguir o seu esquecemento no tempo», apunta .
Tamén afirma a Marea que en determinadas ocasións «con algún tipo de rédito ou custo electoral son quen de “mover Roma con Santiago” como aconteceu, por exemplo e recentemente, co alumeado de Nadal, no que non se mediron á hora de “adaptar a lei as súas necesidades” e non ao revés; en cambio, noutros casos como este, o interese é nulo. Ou non, e precisamente esta inoperancia responda tamén a intereses».