O voceiro da formación, Rubén Pérez, considera que ese canon mínimo de 30 metros cúbicos bimensuais é “absolutamente impensable despois de 30 anos de concesión á vista dos novos sistemas tarifarios” e avoga por penalizar os excesos. En todo caso, esixiu que o sistema que se artelle evite que no recibo se imputen gastos que nada teñen que ver coa concesión coma os “dinosetos, humanizacións, decoracións e festas parroquiais que pagaba Aqualia e que repercutía despois na factura das familias viguesas”.
Para a Marea de Vigo, a contratación dunha consultora externa anunciada esta semana polo Concello para axudar na redacción do novo prego de concesións non é a prioridade. “O que ten que acometer previamente o Goberno local é a decisión e estudo rigoroso das posibilidades de remunicipalizar o servizo como xa o teñen abordado concellos como Valladolid ou Tarrasa, con resultados económicos excelentes para as arcas municipais”, matizou Pérez.
Pérez quere así evitar “que o sistema de explotación privado sexa un instrumento clientelar de gobernos locais que obteñen dende obras públicas a recursos electoralistas mediante prórrogas concesionais, coma foi o caso de Vigo, onde a cambio de 5 anos de ampliación do contrato con Aqualia se consignaron 25 millóns de euros para un plan de investimentos, a meirande parte destinados a actuacións que nada tiñan que ver coa rede de abastecemento: 80% do custe de humanizacións completas, decoracións, subvención de festas parroquiais e outro tipo de superficialidades que nada achegaron á rede de abastecemento e dende logo, non supuxeron o arranxo e mellora da mesma”.