Así, Marea de Vigo non considera unha boa nova a recente elección do delegado para o ente público, especialmente no relativo á “falla de talante democrático”, xa que cren que “o Pleno da Zona Franca corre o perigo de converterse definitivamente nunha ‘sucursal’ do goberno de Abel Caballero, instalándose as mesmas prácticas nesta importante administración pública”.
En 2015 a Marea de Vigo foi excluída do Pleno do Consorcio argumentando o cambio normativo aprobado polo Partido Popular ligado á Ley de Racionalización y Sostenibilidad de la Administración Local, na que a representatividade do Pleno era substituída pola representatividade da Xunta de Goberno e alcaldía deixando neles o criterio de incluír na proposta de vogais aos grupos presentes no Pleno do Concello.
Esta formación denunciou que mentres noutras zonas francas no conxunto do Estado se lles outorgou representación a grupos como o da Marea de Vigo, no caso de Vigo “o alcalde decidiu, amarrándose a unha lei do Partido Popular, que soamente representantes do seu partido, o PSOE, ocuparan esas vacantes, nun claro exercicio de falta de democracia”.
Así, Marea de Vigo seguirá a defender un modelo para Zona Franca cunha perspectiva “metropolitana”, cun carácter de motor da industria e tecido empresarial da comarca, órganos plurais e diálogo permanente con todas as administracións do Estado.