Segundo a formación política, estes feitos deben poñer de manifesto e visibilizar un “problema en aumento” na cidade, o das persoas que pasado o máximo de dez días seguidos que permite o actual albergue xa non teñen outras opcións para pasar as noites, unha vez “practicamente liquidado o albergue de Teis e coa desaparición do albergue Dignidad no Calvario”.
Neste sentido, a concelleira Marga López Barreiro lembra que en Vigo «está a incrementarse exponencialmente a pobreza e a exclusión social. Somos xa a cidade galega onde se detecta o maior aumento de solicitudes da RISGA nos pasados anos, triplicándose dende o inicio da crise».
Este feito, unido as limitacións de tempo, prazas e horarios do albergue municipal, provoca que moitas persoas en situación de rúa empreguen edificios abandonados da cidade, sen condicións de habitabilidade e sen outra opción de quentarse ou cociñar que empregar fogueiras, co risco que supón en inmobles vellos, con moito material construtivo inflamable e co acceso para os bombeiros moi dificultoso en caso de incidente.
«É preciso afrontar xa esta realidade dende Servizos Sociais do Concello. Isto non se soluciona cun albergue temporal e cunha limitación de prazas. Non se debe demorar máis no tempo, tendo en conta ademais que o problema agudízase para moitas persoas nos meses de outono e inverno coa chegada do frío», advirte López Barreiro.
Plan de actuación
O Grupo Municipal da Marea de Vigo xa pediu no Pleno da Corporación a necesidade de poñer “a vontade, colaboración e ferramentas necesarias” para afrontar a realidade do xeito máis eficiente. “Estamos a falar da vida das persoas, polo que este traballo debe ser prioritario dentro das responsabilidades a desenvolver no noso Concello”, apuntan.
Unha das propostas da formación foi dotar a Vigo dun Plan Local contra a Pobreza, onde se inclúan unha serie de medidas para mellorar a vida das persoas en situación de exclusión, evitar a situación de rúa e desamparo e polo tanto, traballar en parello para reducir a pobreza.
Esta moción foi rexeitada cos votos en contra do PSdeG-PSOE, mais Marea de Vigo segue pensando e insiste na necesidade da adopción de medidas desde o ámbito municipal, que poderían partir da premisa establecida nos Obxectivos Comúns da UE contra a pobreza e a exclusión social.
«O fomento da participación e o acceso aos recursos, a creación de espazos de coordinación e traballo técnico en torno á loita contra a pobreza, xunto coa dotación orzamentaria necesaria para as axudas de emerxencia e a ampliación destas, son factores fundamentais á hora de afrontar esta realidade» explica López Barreiro, facendo fincapé na «necesidade de realizar un estudio diagnóstico para establecer un mapa das entidades sociais que traballan no ámbito da pobreza e exclusión social, para poñer en valor e orde as accións que están realizando as entidades sociais, colectivos e grupos de cidadáns da nosa cidade, fundamentais para o óptimo desenvolvemento do traballo que se realice neste eido».