Para o grupo municipal da Marea de Vigo, «non hai compromiso para evitar a degradación cultural do M.A.R.C.O., non existe vontade de artellar unha biblioteca pública do estado na localización anunciada dos edificios xudiciais que quedarán baleiros coa cidade da xustiza e non se compromete en serio o trazado alternativo e melloras para a A-52, algo que xa vimos orzamentado en anos anteriores e que quedou usen execución – matiza Rubén Pérez, voceiro do grupo municipal – lembramos por exemplo como nos orzamentos xerais do Estado do 2015 estiveron orzamentados máis de 6 millóns de euros para esta infraestrutura sen case execución final».
«A falla de compromiso para revalorizar as pensións medias, que no caso de Vigo veñen supoñer a maioría das pensións que se están a percibir, ao aumentar soamente o que supón un 3% sobre as pensións mínimas e as non contributivas, provoca que miles de vigueses e viguesas non vexan incrementadas as súas pensións de xeito análogo», explica Rubén Pérez.
Do mesmo xeito, Marea de Vigo considera que o importante decrecemento orzamentario en materia de emprego (establécese unha redución de máis do 1,6% no SEPE e servizos análogos) pode ter unha incidencia moi negativa na comarca de Vigo, necesitada agora de recursos formativos e de orientación laboral para dotar de profesionais a sectores que parecen repuntar como o industrial e especialmente o sector naval.