A lista de agarda provisional no conxunto de Galicia rexistrou 2.981 solicitudes que, no caso de que o teñan pedido, se poderán acoller ao programa Bono Concilia e recibir unha axuda de entre os 45 e os 250 euros mensuais -a contía varia en función da renda da unidade familiar- para contribuír ao pago de praza na escola infantil que elixan e que non conte con financiamento por parte da administración.
Así mesmo, resérvanse 492 prazas para emerxencias e que o número de vacantes ascende a 1.292, a maioría das cales se corresponden con prazas non cubertas no grupo de idade de 0 a 1.
No presente curso 2018-219, Galicia pon a disposición das familias un total de 24.081 prazas sostidas con fondos públicos das cales 10.264 repártense entre as 172 escolas infantís que conforman o mapa de centros da Galiña Azul. Esta cifra supón un incremento do 4,7% con respecto ao curso pasado, con 484 novas prazas e a entrada en funcionamento de cinco novas escolas infantís en Santiago, Lugo, Ourense, A Estrada e Mos, así como o regreso á actividade prevista para o vindeiro mes de outubro da escola Santa Susana en Santiago.
O resto das prazas complétanse coas que dependen de entidades de iniciativa social, da rede de escolas municipais, as prazas subvencionadas en escolas privadas que este curso se incrementan un 16% e se resolverán nos vindeiros días, as financiadas a través do Bono Concilia e as escolas que xestionan entidades como o Servizo Galego de Saúde (Sergas) e as universidades. Esta oferta sitúa a nosa comunidade cunha ratio de atención en prazas para escolares de 0 a 3 anos no 41%, oito puntos por enriba da media aconsellada pola Unión Europea.