“Xa fixemos a inauguración do Barrio das Flores e imos acompañar a obra cun aparcamento preto da piscina e que dará un grande servizo á zona de Sanjurjo Badía», sinalou o alcalde de Vigo, Abel Caballero. Aínda que non existe un dato exacto das prazas que se poderán habilitar nesta parcela, de 950 metros cadrados, o obxectivo é recuperar os aparcamentos perdidos coa humanización do Barrio das Flores.
O rexedor tamén lembrou que xa hai outro estacionamento na zona do mercado de Teis cunhas 150 prazas aproximadamente e afirmou que “seguiremos buscando fórmulas para facilitar aparcamento noutras zonas da cidade”.
Museo Liste e Cine Club Lumiere
Ademais, a Xunta de Goberno Local sacou adiante o convenio co Museo Liste por valor de 125.000 euros, polo que o custe da sala etnográfico queda cuberto a través do Concello de Vigo case ao cento por cento. “O Liste pasa así a ser un museo máis da rede municipal de Vigo”, sinalou Caballero.
Por último, foi aprobada a subvención ao Cine Club Lumiere por valor de 10.000 euros para levar a cabo a súa actividade de proxeccións de cine en versión orixinal. “É unha actividade con moita acollida, moito éxito, e administran moi ben os recursos”, apuntou o alcalde.