O alcalde, acompañado do vicepresidente do Instituto, Antonio Giráldez, e do investigador Federico Vilas, participou esta mañá na presentación do ciclo, que consta de 11 conferencias que se celebrarán unha ao mes, fóra de xullo e agosto, que non haberá ningunha, e en outubro que haberá dous. «É unha forma ideal de penetrarnos na recuperación cultural da cidade», afirmou o rexedor.
O obxectivo do Instituto, destacou o seu vicepresidente, «é a investigación en moi diversos ámbitos, pero tamén, e non menos importante, é a divulgación dese coñecemento», un labor para a que agradeceu contar co apoio do concello.
En concreto con este segundo ciclo pretenden «facer chegar ao público de Vigo e a súa área metropolitana diversos estudos levados a cabo por membros do IEV sobre a cidade nas súas distintas áreas de coñecemento, así como outros estudos de vixente actualidade que se desenvolven na Universidade de Vigo en campos das ciencias e da tecnoloxía».
Entre os temas que se tratarán nesta edición do Foro atópanse a arte en dólmenes, que precisamente abre a convocatoria este xoves da man de Fernando Carrera; as torres da Concatedral de Vigo, o pazo como patrimonio arquitectónico galego, a produción de sal durante a presenza romana nas nosas costas… «A idea é achegar estes temas á sociedade cunha linguaxe alcanzable para todos e tamén analizar temas de actualidade como o cambio climático e as súas consecuencias e a aplicación das novas tecnoloxías nas comunicacións mediante drons».
As conferencias realizaranse na hemeroteca da Escola Municipal de Artes e Oficios excepto a do mes de setembro, que será no Instituto Camôes.