Trátase da primeira vez que dende a Delegación Territorial da Xunta en Vigo se recoñece o labor do persoal funcionario xubilado cun acto de recoñecemento polos seus anos de servizo na Administración autonómica de Galicia. Aínda así, a intención da Delegación é que este sinxelo recoñecemento se manteña nos vindeiros anos.
Os 13 funcionarios pertencen a 6 xefaturas territoriais distintas onde levaron a cabo o seu traballo nestes últimos anos. En concreto, formaron parte dos departamentos territoriais de Política Social, Mar, Facenda, Economía, Emprego e Industria, Presidencia e Educación.
Cada un dos homenaxeados recibiu unha placa conmemorativa de mans do delegado e dos xefes territoriais das súas respectivas consellerías amosándose moi agradecidos e ilusionados polo detalle organizado pola Delegación e por sentirse arroupados polos seus compañeiros de traballo.
López-Chaves agradeceulles así o traballo levado a cabo durante os seus anos de servizo ademais de felicitalos porque “agora teredes máis tempo” na súa nova etapa de xubilación. “Vistes crecer a administración e queríamos darvos un pequeno detalle”, considerou o delegado, quen aproveitou tamén a ocasión para felicitar as datas de Nadal aos homenaxeados pero tamén ao resto do persoal do edificio da Xunta en Vigo.